10/2/13

anova – Irmandade Nacionalista comunica a súa asemblea local aberta de mañá




O grupo local de Anova-Irmandade Nacionalista de Vilagarcía de Arousa convida a todas aquelas persoas que así o desexen a participar na súa asemblea aberta que se vai celebrar mañá mércores no local social de Vilaxoán (situado nas instalacións do Club de Remo).  Dita asemblea comezará ás 20:30 horas e nela

anova – Irmandade Nacionalista únese á negativa popular de converter a zona azul de Vilagarcía nun sistema de pago do tipo da O.R.A. existente noutras cidades.




O grupo local de Anova - Irmandade Nacionalista de Vilagarcía de Arousa quere manifestar o seu apoio á cidadanía de Vilagarcía e aos comerciantes no que xa é un clamor popular en contra da implantación na vila dun sistema de aparcamento de pago semellante ao existente en cidades como Vigo ou A Coruña, por exemplo.  Dita implantación, así como a privatización do sistema de radares e da xestión das multas só ten carácter recaudatorio e non é ningunha solución efectiva para facilitar o aparcamento aos cidadáns.  Ao respecto diso, desde o noso grupo quemos facer fincapé en que esta medida non vai solucionar os problemas de aparcamento, senón que o único que vai lograr é empeorar as xa danadas economías das familias de Vilagarcía e de todas aquelas persoas que se queiran achegar ata aquí para realizar xestións, para o lecer, etc.  Neste mesmo sentido, cómpre destacar que unha boa parte da cidadanía vilagarciá vive en zonas rurais e poñerlle trabas ao aparcamento implicaría dificultarlle o acceso e o desprazamento pola zona urbana.

Así mesmo, gustaríanos aproveitar a ocasión para lle manifestar ao cadro de persoal da Policía Local o noso apoio ante as graves declaracións do Sr. Dorgambide acusando de vagos aos axentes do servizo e danando a súa imaxe, que non é a que está dando deles o señor concelleiro.

anova – Irmandade Nacionalista fai público o seu malestar e a súa indignación polo desprezo continuado cara ao idioma galego por parte dos concelleiros do Partido Popular de Vilagarcía




O grupo local de Anova - Irmandade Nacionalista de Vilagarcía de Arousa quere amosar a súa indignación pola actitude irrespectuosa dalgúns membros do goberno local co idioma galego.

Unha vez máis, e ante a crítica por parte de membros dos grupos da oposición, o Sr. Alcalde, Tomás Fole e destacados membros do seu equipo de goberno toman a broma o emprego do galego nas súas intervencións nos plenos municipais.

No último pleno, celebrado o luns 28 de xaneiro, as faltas de respecto chegaron a tal punto que o Concelleiro de Seguridade Cidadá, o Sr. Dorgambide, chegou a dicir "Yo hablo gallego cuando me sale de los puntos suspensivos".

Desde esta formación política quérese denunciar esta actitude e esíxeselles aos membros do Goberno Local que amosen máis respecto polo noso idioma e no caso concreto do Sr. Dorgambide, que pida desculpas publicamente polas súas declaracións. 

Vilagarcía de Arousa, 29 de xaneiro de 2013.

ANOVA- Irmandade Nacionalista de Vilagarcía deplora a actuación do director da Banda de Música de Vilagarcía de Arousa



.

Anova- Irmandade Nacionalista rexeita a actuación do director da Banda de Música de Vilagarcía, Jesús Nogueira, pola tradución do galego ao castelán da obra "Os Heroes do Orzán"

Anova- Irmandade Nacionalista considera que a actitude do director da Banda de Música incide de forma moi negativa na normalización da nosa lingua ao traducir ao castelán unha obra escrita orixinalmente en galego. A súa actuación esperpéntica prexulga o coñecemento que a cidadanía de Vilagarcía ten da súa propia lingua, considerando o galego idioma alleo para os cidadáns da nosa vila. 

Anova aposta pola defensa e promoción do galego para saír desta situación de marxinalización, minorización e diglosia actual que está a sufrir a nosa lingua. Non se pode permitir que desde os organismos públicos, e menos desde a Concellería de Cultura de Vilagarcía, se consintan este tipo de actuacións que atentan contra o noso patrimonio cultural, no que a lingua é o piar básico.

anova – Irmandade Nacionalista apoia as traballadoras da conserveira CUCA na loita polo mantemento dos seus postos de traballo e a continuidade da fabrica en Vilaxoán.





Consideran que o peche en Vilaxoán e traslado ao Grove significará a perda de postos de traballo, tanto en Vilagarcía coma no Grove.

      Diante do anuncio realizado pola empresa Garavilla de pechar a fábrica de Conservas CUCA en Vilaxoán presentando un ERE e ofrecendo a posteriori como única saída o traslado de traballadoras ao Grove, o grupo de ANOVA Irmandade nacionalista en Vilagarcía de Arousa quere facer público o seu apoio ás traballadoras de CUCA na súa loita polo mantemento dos postos de traballo e a continuidade da fábrica en Vilaxoán. Quixeramos para iso achegar as seguintes consideracións:

   Como afirman as propias traballadoras, a fábrica de Vilaxoán estaba a pleno rendemento, perfectamente equipada, e mantendo un nivel de calidade e produción que ten logrado que as marcas elaboradas nesa planta Cuca e Massó” teñan unha consideración de conservas de gran calidade e moito mercado; polo tanto, non se dan razóns económicas obxectivas para pechala.

     Parece ben claro que cando se fixo a absorción de CUCA por Conservas Garavilla, o que lles interesaba aos seus novos compradores era unicamente o prestixio das marcas establecidas, e que a estratexia agora é quedar coas marcas pero desprenderse da planta de Vilaxoán e das traballadoras, ofrecendo unha alternativa de traslado que en moitísimos casos é inviable pola imposibilidade que moitas traballadoras teñen para poderen acudir diariamente ata O Grove.

    Non hai que esquecer ademais outros detalles que agravan a situación: por un lado, que Conservas CUCA é unha fábrica cun forte enraizamento en Vilagarcía, que este é un capítulo máis (quizais non o último) dunha serie de peches, reducións de cadros de persoal e traslados que provocaron a práctica desaparición ou redución a mínimos da trama industrial de Vilagarcía (Cuca, Alfageme, Metalsa...). Por iso non se entende a deixadez coa que o equipo de goberno acolle estas novas nunha vila e comarca na que, non hai que esquecer, é na que máis medrou porcentualmente o paro nos últimos meses.

     Dende ANOVA apoiaremos todas as accións que realicen as traballadoras na defensa do mantemento desta empresa en Vilagarcía e instamos ás administracións públicas, Concello e Xunta de Galicia, a que se impliquen, estean ao seu lado e fagan o posible pola continuidade destes postos de traballo.  Non é o momento de Campos de Golf ou pistas de pádel; é o momento de defender as traballadoras e traballadores de Vilagarcía e da comarca.

Vilagarcía de Arousa, 14 de Decembro de 2012.

anova – Irmandade Nacionalista fai público o seu malestar ao respecto do tratamento de preferencia do Concello de Vilagarcía coa empresa que instalou a pista de xeo na Praza da Peixería.





     Na quenda de rogos e preguntas do último pleno municipal de Vilagarcía saíu á luz o feito de que o Concello de Vilagarcía cede de maneira gratuíta a Praza da Peixería para a instalación, por parte dunha empresa privada, da pista de xeo que está funcionando desde o pasado día 14 do presente mes de decembro ata o vindeiro 27 de xaneiro, empresa que lles cobra polo uso da pista aos seus usuarios.

   Máis grave aínda é o feito de que sexa a cidadanía de Vilagarcía, sen estar informada en ningún momento, a que teña que pagar o consumo de electricidade que consome a pista.  Para Anova - Irmandade Nacionalista, é un novo abuso por parte da Corporación Municipal que carga nas veciñas e veciños de Vilagarcía un gasto que indirectamente vén agravar a mala situación económica de moitas familias vilagarciás. 

    Desde o grupo local desta formación política laméntanse xestións coma esta, que son completamente incompatibles coa liña de actuación que está seguindo o Concello de Vilagarcía no tocante á suba das taxas xustificando a mesma na necesidade de aumentar os ingresos nas arcas municipais mentres se lles ceden de maneira gratuíta instalacións públicas a empresas privadas que tiran un beneficio polo uso das mesmas co agravante de non cobrarlles nin sequera polo consumo de electricidade.

     Vilagarcía de Arousa, 27 de decembro de 2012.

anova – Irmandade Nacionalista faise eco das queixas dos veciños da Escardia.




Denuncian que a pesar de inaugurarse o paso subterráneo das vías do tren, o elevador non está operativo.

Unha vez máis o grupo de ANOVA Irmandade Nacionalista en Vilagarcía ten que facerse eco das queixas dos veciños da rúa Escardia en relación ás obras que se están a levar a cabo por parte do Ministerio de Fomento nas inmediacións da estación de tren de Vilagarcía e das súas vivendas.

Neste caso denuncian que a pesar de anunciarse nos medios de comunicación hai uns días a apertura do paso subterráneo de acceso ás súas vivendas por debaixo das vías e de anunciar que estaba totalmente rematado, segue sen poder utilizarse o elevador do mesmo, ao parecer por un problema de autorizacións e permisos.  A gravidade deste asunto é meirande da que puidera parecer nun primeiro momento, porque na boca do paso subterráneo que está no lado da estación non hai rampa de acceso para que poidan cruzar o mesmo persoas discapacitadas ou un carro de bebés, por exemplo.

A pesar de que os veciños se dirixiron ao Concello para que medie ante a Consellería de Industria para tentar axilizar a solución a este tema, novamente tiveron a calada por resposta, polo que unha vez máis os veciños afirman que se senten defraudados pola falta de atención do Concello.

Desde ANOVA Irmandade Nacionalista queremos manifestar unha vez máis o noso apoio aos veciños, que tiveron que aturar un feixe de molestias derivadas das obras, moitas delas aínda pendentes de resolución, e agora piden simplemente unha axilización administrativa para que o paso subterráneo funcione en plenas condicións, tal e como se acordara.

En Vilagarcía de Arousa, a 14 de novembro de 2012

anova – IRMANDADE NACIONALISTA APOIA AS REIVINDICACIÓNS DOS VECIÑOS DA ESCARDIA



Insta o alcalde a que atenda as peticións dos veciños e medie ante Fomento para que se subsanen os problemas que está a causar a obra.

O Grupo de base en Vilagarcía de Arousa de ANOVA Irmandade Nacionalista, quere expresar o seu apoio ás queixas e reivindicacións dos veciños da Escardia en relación ás obras que se están a levar a cabo por parte do Ministerio de Fomento nas inmediacións da estación de trens de Vilagarcía e das  súas vivendas.

Entre as cuestións que máis lles preocupan aos residentes na zona son as condicións nas que quedará a rúa A Escardia logo da realización dun peche perimetral que reduce o espazo de calzada, así como a situación do regato existente na zona e que foi literalmente estrangulado, co risco evidente de inundacións. 

Hai que lembrar que falamos dunha rúa de doble sentido, que non conta nin con beirarrúas nin zonas de tránsito, e que supón a vía de acceso a moitas propiedades e servidumes. Fomento está a acometer un peche de 100 metros que, de xeito incomprensible, vai separándose das vías, reducindo o espazo útil de calzada e que non permite nalgún treito a dobre circulación.

Sobre o regato que discorre por debaixo das vías, as bocas de entrada por debaixo das mesmas teñen un ancho e alto de inicio de 1,50 X 2 m., que non se corresponde coas saídas que lle está a dar Fomento (tubería dun metro de diámetro), situación que vai ocasionar moi probablemente inundacións na época de chuvias; hai que ter en conta ademais que o peche perimetral vai a facer tamén de dique de contención. Alén do anterior, das dúas entradas de auga unha xá está taponada por completo e a outra, da súa altura inicial de 1,5 m. só conserva 40 cm. debido á acumulación de maleza e de restos de sedimentación provenientes das obras do túnel para o tren de Alta Velocidade. É moi importante que se limpen antes da chegada do outuno. 

A maiores do anterior, dende ANOVA tamén queremos denunciar as molestias que están a soportar os veciños motivadas polo traballo continuado das obras durante as 24 horas do día, con compresor incluído, coa conseguinte contaminación acústica. Os veciños non poden nin abrir as ventás, e nalgunhas vivendas tamén apareceron gretas e danos na súa estrutura.   

E por todo isto polo que lle solicitamos publicamente ao Partido Popular e concretamente ao alcalde de Vilagarcía que estea ao lado dos veciños, que os reciba e que cumpra o seu papel para esixir que as obras causen as menos molestias posibles e que se subsanen os defectos indicados. Consideramos inadmisible que cousas tan doadas de solucionar sigan adiándose cos prexuízos ocasionados aos veciños e lembrámoslle que el ten capacidade incluso para paralizar as obras, se for preciso.

En Vilagarcía de Arousa, a 2 de agosto de 2012