10/2/13

anova – Irmandade Nacionalista apoia as traballadoras da conserveira CUCA na loita polo mantemento dos seus postos de traballo e a continuidade da fabrica en Vilaxoán.





Consideran que o peche en Vilaxoán e traslado ao Grove significará a perda de postos de traballo, tanto en Vilagarcía coma no Grove.

      Diante do anuncio realizado pola empresa Garavilla de pechar a fábrica de Conservas CUCA en Vilaxoán presentando un ERE e ofrecendo a posteriori como única saída o traslado de traballadoras ao Grove, o grupo de ANOVA Irmandade nacionalista en Vilagarcía de Arousa quere facer público o seu apoio ás traballadoras de CUCA na súa loita polo mantemento dos postos de traballo e a continuidade da fábrica en Vilaxoán. Quixeramos para iso achegar as seguintes consideracións:

   Como afirman as propias traballadoras, a fábrica de Vilaxoán estaba a pleno rendemento, perfectamente equipada, e mantendo un nivel de calidade e produción que ten logrado que as marcas elaboradas nesa planta Cuca e Massó” teñan unha consideración de conservas de gran calidade e moito mercado; polo tanto, non se dan razóns económicas obxectivas para pechala.

     Parece ben claro que cando se fixo a absorción de CUCA por Conservas Garavilla, o que lles interesaba aos seus novos compradores era unicamente o prestixio das marcas establecidas, e que a estratexia agora é quedar coas marcas pero desprenderse da planta de Vilaxoán e das traballadoras, ofrecendo unha alternativa de traslado que en moitísimos casos é inviable pola imposibilidade que moitas traballadoras teñen para poderen acudir diariamente ata O Grove.

    Non hai que esquecer ademais outros detalles que agravan a situación: por un lado, que Conservas CUCA é unha fábrica cun forte enraizamento en Vilagarcía, que este é un capítulo máis (quizais non o último) dunha serie de peches, reducións de cadros de persoal e traslados que provocaron a práctica desaparición ou redución a mínimos da trama industrial de Vilagarcía (Cuca, Alfageme, Metalsa...). Por iso non se entende a deixadez coa que o equipo de goberno acolle estas novas nunha vila e comarca na que, non hai que esquecer, é na que máis medrou porcentualmente o paro nos últimos meses.

     Dende ANOVA apoiaremos todas as accións que realicen as traballadoras na defensa do mantemento desta empresa en Vilagarcía e instamos ás administracións públicas, Concello e Xunta de Galicia, a que se impliquen, estean ao seu lado e fagan o posible pola continuidade destes postos de traballo.  Non é o momento de Campos de Golf ou pistas de pádel; é o momento de defender as traballadoras e traballadores de Vilagarcía e da comarca.

Vilagarcía de Arousa, 14 de Decembro de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario