22/8/13

O grupo local de ANOVA en Vilagarcía celebra a ESPERADA DIMISIÓN do concelleiro de Cultura



Agarda que a súa marcha supoña un cambio na xestión da política cultural realizada polo equipo de goberno de Vilagarcía de Arousa.


Diante das novas aparecidas no día de hoxe polas que se informa da dimisión do Concelleiro de Cultura de Vilagarcía de Arousa, o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista non pode menos que celebrar a súa dimisión, que por outra parte xa se debeu producir hai meses por cuestións puramente éticas e estéticas.

ANOVA lembra que xa tiña solicitado publicamente a dimisión do Concelleiro hai tempo, a través da distribución duns folletos titulados O enterro da cultura... (achégase copia). Nestes folletos informábase aos cidadáns sobre as intencións deste Concelleiro e do PP de implantar o pago  polo uso de locais públicos e centros veciñais, de poñerlles taxas aos grupos musiciais polo acceso aos locais de ensaio e tamén pola utilización dos espazos de exposición cultural.  Xa criticabamos daquela a falta e diálogo do Concelleiro, a carencia de planificación cultural do Concello e pediamos a súa dimisión por non ter lexitimidade para exercer un cargo despois das subvencións cobradas pola asociación que representaba e das que non se sabe, ou non se quere dar conta. 

A semana pasada continuamos a solicitar a súa dimisión, xa concretamente pola falta de explicacións claras sobre a xustificación da actividade Feirón Solidario, utilizando incluso o nome doutras asociacións e ONGs que si fan traballo social... Nesta ocasión tamén fixemos carteis e folletos informativos que distribuímos por toda Vilagarcía.