10/2/13

anova – Irmandade Nacionalista faise eco das queixas dos veciños da Escardia.




Denuncian que a pesar de inaugurarse o paso subterráneo das vías do tren, o elevador non está operativo.

Unha vez máis o grupo de ANOVA Irmandade Nacionalista en Vilagarcía ten que facerse eco das queixas dos veciños da rúa Escardia en relación ás obras que se están a levar a cabo por parte do Ministerio de Fomento nas inmediacións da estación de tren de Vilagarcía e das súas vivendas.

Neste caso denuncian que a pesar de anunciarse nos medios de comunicación hai uns días a apertura do paso subterráneo de acceso ás súas vivendas por debaixo das vías e de anunciar que estaba totalmente rematado, segue sen poder utilizarse o elevador do mesmo, ao parecer por un problema de autorizacións e permisos.  A gravidade deste asunto é meirande da que puidera parecer nun primeiro momento, porque na boca do paso subterráneo que está no lado da estación non hai rampa de acceso para que poidan cruzar o mesmo persoas discapacitadas ou un carro de bebés, por exemplo.

A pesar de que os veciños se dirixiron ao Concello para que medie ante a Consellería de Industria para tentar axilizar a solución a este tema, novamente tiveron a calada por resposta, polo que unha vez máis os veciños afirman que se senten defraudados pola falta de atención do Concello.

Desde ANOVA Irmandade Nacionalista queremos manifestar unha vez máis o noso apoio aos veciños, que tiveron que aturar un feixe de molestias derivadas das obras, moitas delas aínda pendentes de resolución, e agora piden simplemente unha axilización administrativa para que o paso subterráneo funcione en plenas condicións, tal e como se acordara.

En Vilagarcía de Arousa, a 14 de novembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario