14/10/13

A Xunta será cómplice dunha medida noxenta, cruel e clasista como é o repago farmaceútico en hospitais

Alternativa Galega de Esquerda manifestou o seu rexeitamento ao repago da farmacia hospitalaria (que o Goberno estatal anunciou que introduciría antes de final deste mesmo ano) porque é unha medida noxenta, inhumana, cruel e clasista e que responde ao capitalismo máis salvaxe impulsado polo Partido Popular. Así, a deputada de AGE Eva Solla, asegurou que “a señora Mato e o Goberno do PP teñen pensado deixar morrer a xente” en base a un falaz aforro económico que non chegará ao 0,1 por cento.

A deputada de AGE lembrou que non lle afecta a calquera enfermo ou enferma, senón aos casos máis graves, como cancros graves de próstata, de ril, de mama, leucemias, tumores cerebrais, artrite reumatoidEa, hepatite C, citomegalovirus, etc., polo que así os enfermos de SIDA, esclerose múltiple, e moitas máis doenzas.

Falamos dun repago do 10 por cento, o que suporá pagar ata 4,20 euros por envase. É unha barbaridade coa que se converte un dereito social básico nun negocio e nun privilexio castigando unha vez máis os máis desfavorecidos do noso país, algo que ao PP semella non lle preocupar o máis mínimo e que se vén sumar aos recortes nas pensións, ao drama do paro, ao repago nos comedores escolares, e a unha longa lista de medidas contra a cidadanía do común coas que este “Goberno socializa as perdas para que paguemos entre todos e todas e privatiza os beneficios para que os cobren uns poucos”.
A deputada Eva Solla defendeu na súa intervención na Comisión de Sanidade o noxento que resulta o feito de que a mesma ministra Mato inmersa na trama Gürtel que lle financiaba con cartos públicos a súa vida privada, as súas festas ou as súas vacacións, sexa a que anuncie que lles van recortar aos que peor están, aos enfermos graves ou graves crónicos. “É a corrupción da democracia, a podremia do réxime” lamentou.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esíxelle ao goberno galego que amose a súa oposición a este atentado contra a saúde dos máis febles da que a Xunta de Galicia será cómplice por apoiar esta medida que provocará a morte de xente no noso país, “pero ao Partido Popular dálle o mesmo”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario