14/7/13

Acto de Público de presentación de Anova en Vilagarcía de Arousa

 Este pasado venres 12 de xullo, ás 20:30 do serán, celebrouse un acto público de presentación do grupo local de Anova Irmandade Nacionalista na sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa.
 
A presentación levouna a cabo o compañeiro Gaspar Somoza, que fixo unha breve exposición do primeiro ano de vida de Anova así como un chamamento á participación cidadá nas asembleas locais que se realizan por todo o país. Posteriormente, presentou os tres membros que compoñían a mesa e que falaron para arredor de duascentas persoas que ocupaban as cadeiras e os corredores laterais da sala e que, mesmo de pé, gozaron coas intervencións de Narda Rubianes, compañeira do grupo local de Vilagarcía, que falou de todo o traballo que se leva feito na nosa localidade neste ano, así como a de Chelo Martínez, compañeira de Anova e parlamentaria en Compostela, que falou do traballo no Parlamento de Galicia e da situación lamentable á que nos están levando as políticas salvaxes do PP. Por último, a intervención máis longa e tamén máis agardada fíxoa o Voceiro Nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que realizou unha exposición clara da situación actual do noso país e das distintas problemáticas que sofre.  Un público entregado interrompeu en varias ocasións o discurso para aplaudir a intervención de Beiras.

Ao remate do acto, todos os participantes e moitas persoas do público, encabezadas por Xosé Manuel Beiras, achegáronse ata Vilaxoán para dar o seu apoio á reinvindicación das traballadoras de Cuca, que organizaran unha cadea humana como unha mostra máis dentro da súa loita por recuperar os postos de traballo que a empresa Garavilla eliminara da fábrica de Vilaxoán.  O momento da chegada de Beiras foi unha apoteose, pois as traballadoras agradeceron profundamente a súa presenza, feito que aumentou aínda máis, se iso era posible, a alegría desbordante que amosaban, pois poucos minutos antes comunicáraselles que o Xulgado denegaba o recurso contra a primeira sentenza favorable ás traballadoras e que lle impoñía ademais á empresa unha sanción por incumprimento da mesma.

  Xosé Manuel Beiras sumouse aos cánticos das traballadoras e a súa marcha fíxoa no medio dos aplausos e as mostras de agradecemento destas, que chegaron a corear: "Beiras presidente!".








No hay comentarios:

Publicar un comentario