Porque tal e como están as cousas, a desobeciencia é o que nos queda!
17/12/13
Novo libro de Xosé Manuel Beiras
12/12/13
Manifestación contra a suba do IBI
Anova - Irmandade Nacionalista apoia a manifestación da plataforma cidadá contra a suba do IBI convocada para este venres 13 de decembro.
Dende o grupo local de Anova-Irmandade Nacionalista Vilagarcía de Arousa consideramos que dada a nova situación económica na que se atopa o Concello de Vilagarcía tras a "aparición" de remanentes de cartos nas arcas municipais, non é urxente nin necesario o incremento do IBI na nosa localidade, polo que manifestamos o noso apoio á iniciativa cidadá contraria á suba do devandito imposto e concordamos coa idea da Plataforma Cidadá de que a mellor opción nestes momentos é a paralización temporal desa suba.
Na nosa formación opinamos que sendo a situación económica das familias na actualidade a que é, o incremento impositivo non é neste momento unha boa opción para aumentar os ingresos nas arcas municipais. Esta é unha práctica habitual no Partido Popular, que non dubida en prometer en cada campaña electoral a baixada dos impostos, mentres que fai xustamente o contrario no momento no que logra establecerse nos distintos gobernos.
Por todo isto, dende Anova Irmandade Nacionalista queremos solicitarlle ao goberno local que reconsidere a suba deste imposto e animamos a cidadanía de Vilagarcía de Arousa a que se una á manifestación convocada para este venres 13 de decembro polo que consideramos que é unha reclamación xusta ante un incremento innecesario no momento actual.
21/11/13
A xestión de Núñez Feijóo fai que Galiza perda autonomía financeira

No proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2014, en trámite, o importe do total de operacións correntes (capítulos I ao V) : é de 7.213,8 millóns de euros e a suma de amortización capital e gastos financeiros da sección 22 (custo servizo débeda) é de 2.071,1 millóns de euros, polo cal a porcentaxe de custo da débeda sobre as operación correntes é de 28,71%, superior, por tanto, ao límite máximo do 25% que determina o art. 30.2 do DL 1/1999, Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (*)

Consecuencia de dito incumprimento é que no 2014 todas as emisións de débeda da Xunta deben ser previamente autorizadas polo Estado (**).
Para Alternativa Galega de Esquerda resulta sorprendente ao respecto que nin na Memoria dos Orzamentos nin no Informe Económico-Financieiro se conteña a máis mínima referencia ao incumprimento do límite máximo do 25% que fixa a normativa autonómica de réxime económico-financieiro nin ao feito de como consecuencia de dito incumprimento as emisións de débeda da Xunta teñan que ser previamente autorizadas polo Estado.
“Pese a que o señor Nuñez Feijoo presume de non ter que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómico, por unha suposta solvencia da Xunta de Galicia, e que con iso nos financiamos máis barato, a realidade é ben distinta á que nos pinta un presidente demasiado acostumado a mentir” declarou o deputado Antón Sánchez.
O Consello de Ministros do pasado 31 de outubro acordou autorizar á Xunta a formalizar préstamos a longo prazo (podes comprobar no enlace) en moeda distinta do euro e emitir débeda pública por importe de 257.588.000 €. Ditas operación de endebedamento teñen por finalidade o financiamento do déficit orzamentario do exercicio 2013, acordado no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 31 de xullo.

E non só iso senón tamén superior á emisión recente de débeda doutras comunidades autónomas, caso, por exemplo, da de Canarias, cun tipo de interese nominal fixo do 1,75%.(podes comprobar no enlace)
Por todo elo AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, rexistrou no Parlamento unha interpelación para que a Xunta de Galicia aclare a situación do financiamento da débeda e do seu custo. O goberno da Xunta debería explicar e xustificar como nunha situación de descenso dos tipos de interese do mercado da débeda pública nos Orzamentos do 2014 os gastos financeiros medran nun 18% respecto do 2013. “O interese do señor Feijoo de vender unha imaxe falsa da súa xestión económica pagámola todos e todas os galegos e galegas en forma de máis custo da débeda e menor gasto social” sinalou o deputado Antón Sánchez.
(*) O art. 30.2 do vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación coa débeda, dispón que “A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano”.
(**) A Disposición Transitoria Terceira da LO 2/2012, de estabilidade orzamentaria habilita temporalmente (ata 2020) a non aplicación do límite do 25% fixado no art. 14.2 da LOFCA, pero requerindo para elo a concurrencia de circunstancias económicas extraordinarias e que o seu obxectivo sexa a cobertura dos servizos públicos fundamentais e precisando, ademáis, que nese suposto as operación de débeda deben ser previamente autorizadas polo Estado.
18/11/13
PARADE!!!


Esta decisión afectará a milleiros e milleiros de menores galegos que comezaban con toda a ilusión do mundo esta tempada, e que de noite pra mañá poderían verse sen equipo, e o máis preocupante, os gastos dos pais e nais e principalmente dos equipos que xa están realizados.
A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sendo cómplice das prácticas recortantes provintes de Madrid, non está apoiando á realización do deporte en xeral a todos os niveis, menosprezando disciplinas frente a outras, favorecendo uns equipos frente a outros, mantendo cargos, exercendo o enchufismo “por doquier”, as taxas abusivas das federacións, os prezos das entradas aos ximnasios,… Acaso alguén pensa que é unha boa xestión do deporte? Isto traerá consecuencias nas persoas de non favorecer á súa práctica: fomento do sedentarismo, enfermidades cardiovasculares, baixa autoestima, depresión, problemas para durmir, sensación de cansancio, problemas de relacións sociais, obesidade,…
A práctica do deporte non pode faltar nas nosas vidas e dende cativos haina que fomentar. É un deber da sociedade pra ter un futuro san.
15/11/13
Anova apoia as concentracións contra a sentenza do Prestige: NUNCA MÁIS!


Por iso, Anova apoia as concentracións que se celebran hoxe, venres 15 de novembro, en protesta contra a sentenza polo Prestige. Na Comarca do Salnes habera concentracións nos concellos de Vilagarcía e do Grove.
Porque hai que volver exercer a dignidade: NUNCA MÁIS!
5/11/13
ANOVA organiza en Vilagarcía a presentación do documental A FAZAÑA DA LIBERDADE
Terá lugar na sala de proxeccións do Auditorio de Vilagarcía, o mécores 6 de Novembro ás 20:00 horas e participará na mesma o director do documental, Seném Outeiro
O Grupo Local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Vilagarcía de Arousa ten o pracer de vos convidar á presentación e proxección do documental “A FAZAÑA da LIBERDADE”, que aborda a biografía de Alexandre Bóveda (1903-1936), un dos persoeiros máis relevantes da historia do nacionalismo galego. A presentación terá lugar no Auditorio de Vilagarcía o próximo mércores, 6 de novembro, ás 20:00 horas.
Está previsto que asista tamén o propio director do Documental, Senem Outeiro, que fará unha intervención de presentación do mesmo e tamén se instalará un posto de venda para as persoas interesadas en adquirir unha copia do documental.
O documental reconstrúe a vida e actividade de Alexandre Bóveda (1903-1936), un dos personaxes máis importantes da historia de Galiza. Facendista, economista, deseñador das Caixas de Aforros de Ourense e Pontevedra, impulsor do Estatuto de Galiza do 36, integrante do Seminario de Estudos Galegos, cofundador e Secretario Xeral do Partido Galeguista e, por riba de todo, patriota galego, un dos bos e xenerosos “entregado á causa galega” ata o dramático final, cando foi fusilado polos fascistas na Caeira – Poio. Máis información: http://afazanhadaliberdade.wordpress.com/
A idea do autor é achegarlle a vida e obra de Alexandre Bóveda ao público a través dunha peza audiovisual. Para iso traballou con fontes audiovisuais, cartas, fotografías e documentación sonora da época; e tamén con entrevistas directas a persoas que levan anos estudando a figura de Bóveda. O proxecto contou coa colaboración e apoio da Cátedra Alexandre Bóveda da Universidade de Vigo.
O Grupo Local de ANOVA de Vilagarcía quixo colaborar con este proxecto destinado a dar a coñecer mellor a historia da nosa terra e das persoas que loitaron pola defensa da mesma. Coidamos que moitas das análises e propostas que no seu día elaborou Alexandre Bóveda están máis vixentes ca nunca e que é preciso coñecelas para entender a necesidade de loitar por unha patria soberana. Facemos nosas as súas verbas pouco antes de ser fusilado: “A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente, xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis aló da miña propia morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo, até me gustaría morrer pola miña patria”.
30/10/13
AGE esixe que as escolas infantís pasen a ser “un servizo público, universal e gratuíto”
Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, esixiu onte no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta inicie “os trámites necesarios para converter as escolas infantís nun servizo público universal e gratuíto”. Entrementres estes trámites non comezan, engadiu, “é imprescindíbel deixar sen efecto o artigo un do decreto 49/2012 e, así, conxelar os prezos para as familias das garderías”. Alternativa aceptou as emendas dos outros grupos da oposición –BNG e PSdeG- mais topou coa negativa do Partido Popular, sempre ao servizo dos ricos e das clases altas ás que tan ben representan. Para o PP de Feijóo, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos básicos son o inimigo.
“Os salarios decrecen en Galicia por riba da media do Estado español e de Europa”, sinalou Fajardo, “e o desemprego e as persoas que non reciben xa prestación atinxen cifras insoportábeis. Neste contexto, a autodenominada Consellaría de Benestar aproba unha resolución o sete de agosto para aumentar os prezos das escolas infantís un 2,2%”. Coa decisión do departamento de Beatriz Mato, tomada coa habitual aleivosía estival deste Goberno, unha familia no limiar da pobreza deberá pagar 93 euros ao mes. “Este incremento é absolutamente inaceptábel, máis na situación actual das familias galegas”, explicou Juan Fajardo, quen lembrou que esa suba contradí o propagandístico plan de dinamización demográfica da propia Xunta.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)